Pontevedra envórcase con Mario Pansera: “na investigación, no medio ambiente e no crecemento sostible está o futuro”

O investigador italiano Mario Pansera, que encabeza o proxecto de investigación Prospera (Prospering without growth: Science, Technology and Innovation) desde o campus pontevedrés, tivo este venres un grande apoio na cidade, onde mantivo reunións co alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías; e co vicerreitor da Universidade de Vigo, Jorge Soto

Tras coñecer en que consiste o proxecto, o alcalde destacou que “encaixa prefectamente coa cidade de Pontevedra porque pensamos que na investigación, no medio ambiente e no crecemento sostible está o futuro”.

Ademais, afirmou que “acollemos esta iniciativa con interese e coa máxima colaboración porque é por onde teñen que ir as liñas da cidade cara ao futuro”.

Pola súa banda, Mario Pansera explicou que escolleu Pontevedra para realizar este traballo por ser unha cidade cun modelo urbano alternativo desde o que desenvolver as liñas de investigación que ten en marcha e anunciou que ten previsto organizar unha serie de seminarios periódicos para debater con personalidades relevantes doutras universidades e intentar que a Conferencia Internacional de Decrecemento prevista para 2023 teña lugar en Pontevedra.

Gañador dunha axuda Starting Grant do Consello Europeo de Investigación (ERC), o investigador desenvolverá ao longo dos próximos cinco anos o seu proxecto de investigación Prospera, financiado con 1,5 millóns de europeos polo ERC.

A súa reunión con Jorge Soto tivo o propósito de afondar en posibles liñas de colaboración cos diferentes grupos do campus. Segundo declaracións recollidas polo DUVI da Universidade de Vigo, o investigador italiano sinalou que “a vocación de campus verde, que quere apostar por un modelo alternativo”, sumada ás “conexións” entre o proxecto “e o que se está facendo en Pontevedra” facían desta cidade a “contorna ideal” para levar a cabo a súa investigación. 

Soto, pola súa banda, trasladoulle que “para este campus e para Universidade de Vigo é unha noticia moi importante” e destacou que o seu proxecto contribúe a “fortalecer o potencial investigador do campus”. Nese senso, o vicerreitor afondou nesta xuntanza nas diferentes liñas de traballo, centradas na innovación e a sustentabilidade, que se aglutinan no proxecto de especialización Campus Crea. A idea, sinalou, era “que coñecese de primeira man as posibilidades que existen de traballar conxuntamente con outros grupos do campus”, co propósito de que “poidan xurdir alianzas para levar a cabo proxectos comúns”. 

Mario Pansera é enxeñeiro de telecomunicación pola Universidade de Nápoles – Federico II, máster en Economía e Xestión da Innovación pola Universidade Politécnica de Madrid e doutor en Administración pola Universidade de Exeter. Está especializado na transición ecolóxica e sostible e na crítica ao concepto tradicional de crecemento e desenvolvemento económico, e na súa traxectoria investigadora vincúlase, entre outras, ás universidades de Bristol e a Autónoma de Barcelona.

Spread the love